Nun extenso percorrido polos exteriores das Torres de Meirás, o visitante coñecerá a historia e as transformacións máis relevantes que se produciron na finca: os cambios do século XIX ao XX, da man de Emilia Pardo Bazán, e as importantes variacións na fisionomía do conxunto, a ampliación da finca, os engadidos que mudan a súa apariencia orixinal, e sobre todo o uso e xestión pública, que converteu Meirás nunha das sedes da xefatura do Estado cun destacado funcionamento institucional durante a ditadura franquista. Agardamos que desfrutedes desta visita dun Pazo aberto á cidadanía e con memoria froito da mobilización cívica galega.
A historia que se esconde tras os muros de Meirás, profundiza nas raíces da Historia de Galiza dende a baixa Idade Media ata os tempos máis actuais.
“O Paciño”, serve de exemplo da desconexión existente entre a realidade que se vivía intramuros de Meirás e a realidade social e económica da Galiza da posguerra.
O edificio emblemático de Meirás, As Torres de Meirás, construido a cabalo dos séculos XIX e XX, amosa xa nos exteriores o esplendor co que Emilia Pardo Bazán quería sorprender aos seus visitantes.
Sorprenderémonos coa distribución e uso das estancias da mansión e coas referencias históricas, mitolóxicas e literarias que atoparemos nos elementos decorativos.
O vestíbulo das Torres conecta dous conxuntos diferenciados: a mansión de estilo afrancesado e un castelo “medieval”, que preside as fachadas sur e oeste, hoxendía emblema do Pazo de Meirás.
Reconstruída sobre unha capela anterior, acolle obras de indiscutible interés artístico e destacados exemplos do espolio do patrimonio cultural e artístico de Galiza que se sistematizou durante a ditatura franquista.
Durante as súas longas estancias en Meirás, Emilia Pardo Bazán, disfrutaba da paisaxe e dos percorridos polos xardíns, hortas e “bosquecillos” da casa familiar.
As transformacións feitas durante a ditadura, non impiden que no camiño entre árbores senlleiras, recordemos os paseos, os ambientes e a paisaxe que a autora de “Los Pazos de Ulloa” describe na súa obra.
Unha das propiedades incorporadas ao “complexo de Meirás”, xa no 1938. Exemplo de que como a perseverancia da memoria, permite coñecer o espolio a unha familia de labradores, que por máis de oitenta anos se pretendeu ocultar baixo unha carcasa de formigón.
Ao fin da visita, nos xardíns laterais das Torres de Meirás, disporemos de tempo para reflexionar sobre o longo proceso de reivindicacións que permitiu, coa devolución do pazo a patrimonio público, a realización desta visita.
O deseño do percorrido e material da visita foi elaborado polo Concello de Sada en colaboración coa Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo.